Concello de Entrimo

Concello de Entrimo

Saudo de Benvida

A flor inverosímil das magnolias, ó mellor. Os limóns tratando de reverdecer no resol dos agarimos. O alto delirio das uceiras. Os camelios enchéndonos o resío de pétalos.

Por entre o medio nós. Nós que temos no alento o folgo que dá a galopada salvaxe dos cabalos. Que no espíritu levamos cifrado o ronsel do neboeiro. A alma atravesada sempre polo rio que unhas veces nos fai adormecer e outras, dende a cima das laxas, nos ensalza. Nós que nos ollos traeremos o fulgor dos que de antigo transitan o norte estrelecido. Na búsqueda indetida das costuras da fronteira.

Verás, si te achegas, que os cálculos, eiqui, están feitos co mineral da pedra – dende o monosílabo cardinal da Moura á filigrana requintada da Real; na última cifra da Pica, ata a descomunal álxebra de Anamán-. Hai ainda nos camiños o ecoar lonxano das danzas, o berro unísono das eiras, as ansias arrubiadas da alborada febril, o axóuxere envolto en alalás das fidalgas infancias. A chuvia ofrécese como un vello sacrificio que a cada pouco reclaman os altares da paciencia. Vai o vento e ven, asubiando, metres fai o reconto das serras. O horizonte, detrás, devala abrasado para reclamar a volta vagabunda das cachenas. Encéndeselle o lume ós vigairos da memoria, entre o ouveo dos cans. E nos campos empézase a inzar a caligrafia brandísima da herba.

Chegou vostede a Entrimo. Párese a considerar que os deuses, ás veces, ensarillan os camiños ata deixalos estrar no cruzamento mol da fermosura.
Estás en Entrimo. Detén o paso e deixa a vida respirar. Remansa.

Ramón Alonso.